Vídeo da rolda de prensa

A Xunta colaborará co Instituto Tecnolóxico de Galicia no desenvolvemento dun espazo de investigación na Cidade das TIC para o uso de drons en zonas urbanas

Feijóo salienta que o Goberno galego achegará algo máis da metade do investimento previsto, preto de 580.000 euros

Destaca que este proxecto Galaxy-lab permitirá reforzar a fortaleza competitiva do Polo Aeroespacial de Galicia e avanzar no despregamento do sistema de xestión do tráfico aéreo non tripulado deseñado pola UE
 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe no Consello da Xunta a aprobación dun convenio de colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) para desenvolver un espazo de investigación na Cidade das TIC da Coruña que estará destinado á experimentación con drons no ámbito do transporte de pasaxeiros e mercadorías en zonas urbanas.

Nese sentido, sinalou que o Goberno galego achegará algo máis da metade do investimento previsto, preto de 580.000 euros dos 1,16 M€, para executar actuacións como: o acondicionamento e reforma dun edificio da Cidade das TIC, o desenvolvemento dunha rede de seguridade, adquisición de equipamento específico e licenzas necesarias para realizar as probas de experimentación.

Ao longo da súa intervención, Feijóo tamén explicou que este proxecto Galaxy-lab permitirá reforzar a fortaleza competitiva do Polo Aeroespacial de Galicia, avanzar no despregamento do sistema de xestión do tráfico aéreo non tripulado deseñado pola UE (U-Space), axustar os sistemas de xeoposicionamento e coordinar un espazo aéreo controlado real.

Finalmente, o presidente da Xunta incidiu na importancia deste sector e do papel de Galicia nel, toda vez que o Polo Aeroespacial leva mobilizados 164 M€ de investimento público-privado, desenvolvéronse 59 proxectos de I+D+i coa participación de máis de 930 profesionais e coa aceleración de 24 empresas. “De cara á nova etapa, a Xunta ten comprometidos 70 M€”, concluíu.

 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia