O titular do Goberno galego participou hoxe na entrega dos XXVI Premios Aproin da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra

Feijóo resalta que a Xunta acaba de prorrogar o convenio do Consorcio Casco Vello de Vigo no que leva investidos 29 M€

Lembra ademais que Vigo é o concello galego que recibiu máis fondos da Xunta este ano para as súas oito áreas de rehabilitación integral

O Goberno galego lanzará unha liña de axudas para que os promotores inmobiliarios constrúan vivenda pública que estará dotada de 16,1 millóns de euros

Intervención do presidente

Vigo, 16 de decembro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta tarde que o Consello da Xunta prorrogou hoxe o convenio do Consorcio Casco Vello de Vigo no que o Goberno galego leva investidos 29 millóns de euros para á rehabilitación desta zona da cidade. “Unha financiación que permitiu xa a recuperación de 117 vivendas e 35 locais comerciais”, explicou o presidente durante a entrega dos XXVI Premios Aproin da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Provincia de Pontevedra, onde tamén lembrou que Vigo é o concello galego que recibiu máis fondos da Xunta este ano para as súas oito áreas de rehabilitación integral.

Do mesmo xeito, Feijóo resaltou os oito millóns de euros reservados no 2022 para San Paio de Navia, un proxecto que finalizará con 1.600 vivendas protegidas, e lembrou a recente entrega de 25 vivendas deste tipo no barrio de Lavadores e que o vindeiro mes se entregarán outras 26 en Castrelos.

Ademais, a Xunta destinará 157 millóns de euros no 2022 a axudas á rehabilitación, lanzará unha liña para que os promotores inmobiliarios constrúan vivenda pública -dotada con 16,1 millóns de euros- e, por primeira vez, concederá avais para a compra de primeira vivenda á menores de 35 anos. Esta nova liña de avais contará cun orzamento de 5 millóns de euros en 2022.

Premiados

A gala dos premios Aproin serviu para entregar os galardóns do 2019 e 2020 xa que a entrega do pasado ano non se celebrou debido á pandemia. Na edición de 2020, a reforma e reconversión en residencia de maiores do antigo Hospital de Santa Cristina de Vigo recibiu o galardón á Mellor Actuación Inmobiliaria de Rehabilitación; a Mellor Actuación Inmobiliaria Residencial foi para un edificio na rúa Vázquez Varela do Grupo Laxas mentres que na categoría de Mellor Actuación non Residencial o premio foi para outra rehabilitación: a reforma de tres pequenas vivendas de pescadores do Berbés que agora forman parte da nova sede da Universidade de Vigo.

Os galardoados no 2019 foron a rehabilitación do hotel situado na rúa Urzaiz, nº76 por parte de Ceetrus na categoría de Mellor Actuación Inmobiliaria de Rehabilitación e o Edificio Fátima, construído polo Grupo Viqueira na rúa Pinoz.
 

Compártao :

Compartir