O titular do Goberno galego participou hoxe na presentación do libro ‘Historias de Galicia que nadie te había contado 2’ de Iván Fernández Amil

Feijóo destaca que Galicia é unha terra orgullosa e unida pola súa Historia e fértil en persoeiros históricos cuxa pegada segue a ser útil no presente

A Coruña, 20 de decembro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta tarde que Galicia é un pobo “unido e orgulloso” pola súa Historia, un pasado “cunha magnitude que fala por si mesma, sen revisións a conveniencia de intereses presentes” e que convive en harmonía “cos relatos históricos dos demais pobos”. Durante a presentación da segunda parte do libro ‘Historias de Galicia que nadie te había contado’ de Iván Fernández Amil, Feijóo resaltou ademais que a Comunidade é unha terra “fértil” en persoeiros históricos que foron referentes e pioneiros na súa profesión ou cuxas accións deixaron unha pegada que chega ata aos nosos días e que “segue a ser unha lección útil para o presente”.

Feijóo agradeceu a Fernández que dea a coñecer as historias de moitos galegos que fixeron grandes logros pero cuxas vivencias e aportacións quedaron esquecidas ou non recibiron o recoñecemento que merecían no seu momento. Neste sentido, o presidente subliñou que grazas a esta nova obra os galegos poderán rememorar a historia da oceanógrafa Ángeles Alvariño, considerada unha das mellores científicas do século XXI; de Sofía Casanova, a primeira corresponsal de guerra española ou a de Manuel Otero, un galego que foi o único español presente no Desembarco de Normandía.
 

Tema: Cultura
Departamento: A Presidencia da Xunta

Compártao :

Compartir