A Xunta destinará 8,3 M€ dirixidos aos concellos para a mellora dos parques empresariais de Galicia

Feijóo salienta que o obxectivo é favorecer o asentamento de proxectos, a creación de emprego e impulsar a competitividade a través da modernización destes espazos

Vídeo da rolda de prensa

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta destinará 8,3 M€ dirixidos aos concellos para a mellora dos parques empresariais de Galicia.

Este investimento, que se distribuirá en tres liñas de axudas, permitirá, segundo explicou, favorecer o asentamento de proxectos, a creación de emprego e impulsar a competitividade a través da modernización destes espazos.

A primeira delas, dotada con 3,25 M€, destinarase á mellora de parques empresariais co apoio a proxectos de depuración de augas e xestión de residuos, infraestruturas viarias, seguridade e vixilancia, loita contra os incendios ou, como novidade, instalación de servizos de subministración de gas e hidróxeno. Neste caso, engadiu, os concellos poderán acceder ata 120.000 € por proxecto, aínda que para solicitudes conxuntas a cantidade ascenderá ata 138.000 €.

En segundo lugar, activarase por 1,5 M€ unha liña de apoios para fomentar a creación de viveiros industriais, na que os concellos poderán obter ata 240.000 € por solicitude. E, por último, haberá unha liña de 3,6 M€ para o reforzo e a extensión das redes de distribución eléctrica dos parques, na que os municipios poderán percibir ata 1 M€.

Ademais, Feijóo rematou a súa intervención especificando que en calquera das tres iniciativas as axudas, de concorrencia competitiva, terán unha intensidade do 80%, coa posibilidade de acceder a anticipos de ata o 25%, agás na liña de redes que poderá ser do 50%.

 

Tema: Economía
Departamento: A Presidencia da Xunta

Compártao :

Compartir