O presidente do Goberno galego visitou esta mañá en Silleda as cociñas onde se elaboran os menús desta iniciativa

Feijóo salienta que a Xunta achegará o Xantar na Casa a preto de 2.000 fogares de persoas maiores ao longo deste ano

Avanza que entre as novidades do programa o persoal reportará aos servizos sociais calquera anomalía que detecte nos fogares co fin de reforzar a prevención da soidade non desexada

Subliña que o Xantar na Casa será cada vez máis sustentable a nivel ambiental, con recipientes reciclables e compostables

Recorda que Galicia é a primeira e única comunidade que conta cunha Estratexia de atención á soidade non desexada, co fin de que todos os maiores se sintan arroupados, vivan onde vivan e sexa cal sexa a forma de envellecer que prefiren

Destaca tamén outras iniciativas postas en marcha como o Servizo de Axuda no Fogar que chega a máis de 24.000 beneficiarios; as casas do maior que prestan xa servizo en 90 parroquias e o autobús de coidados porta a porta que este ano chegará a todos os concellos de Galicia

Declaracións do presidente

Silleda (Pontevedra), 10 de xaneiro de 2022.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta achegará o Xantar na Casa a preto de 2.000 fogares de persoas maiores ao longo deste ano.

Tras unha visita esta mañá en Silleda ás cociñas onde se elaboran os menús desta iniciativa, Feijóo aseverou que este servizo contará ademais con diversas novidades que permitirán reforzar a prevención da soidade non desexada. Deste xeito, avanzou que o persoal reportará aos servizos sociais calquera anomalía que detecte nos fogares; ofrecerase a posibilidade de instalar sensores que detecten a apertura e peche da neveira ou o tempo de uso do microondas, co fin de identificar o deterioro na persoa maior; e adaptaranse os menús á gastronomía de cada recuncho da comunidade.

Así mesmo, o Xantar na Casa, polo que os usuarios pagan 1,76 euros por cada menú -outro tanto é sufragado por cada concello e o resto cúbreo a Xunta- será cada vez máis sustentable a nivel ambiental, con recipientes reciclables e compostables.

“Estamos a falar, en definitiva, dun servizo que garante que calquera persoa maior, aínda que viva soa conte cunha alimentación equilibrada e de proximidade”, dixo a modo de resumo, subliñando que nos últimos dous anos este programa reforzou a presenza en Galicia, chegando aos 1.700 usuarios.

Neste compromiso de estar ao carón das persoas que necesitan un acompañamento profesional, o titular do Goberno galego referiuse tamén a outras iniciativas postas en marcha como o Servizo de Axuda no Fogar que, cun investimento de máis de 100 millóns de euros ao ano, chega a máis de 24.000 beneficiarios na actualidade; as casas do maior que prestan xa servizo en 90 parroquias; o autobús de coidados porta a porta que este ano chegará a todos os concellos de Galicia; ou a teleasistencia, que permite que as persoas maiores sexan atendidas tan só pulsando un botón.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención resaltando que Galicia é a primeira e única comunidade que conta cunha Estratexia de atención á soidade non desexada, co fin de que todos os maiores se sintan arroupados, vivan onde vivan e sexa cal sexa a forma de envellecer que prefiren.

“Unha estratexia que abre a porta á participación das entidades sociais, dos concellos, das pequenas e medianas empresas, así como a outros axentes sociais”, engadiu, recordando que en Galicia hai a día de hoxe 126.000 galegos de máis de 65 anos que están nesta situación.

Compártao :

Compartir