A Xunta traballa na estabilización do persoal investigador e nun modelo transversal consensuado e igual para este colectivo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse esta mañá con representantes de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación para avaliar os avances na carreira investigadora

A Administración autonómica tamén aposta pola estabilización e formación dos investigadores do Sistema Universitario Galego e destina 21,2 millóns de euros a axudas para formación predoutural e posdoutoral

Galicia aumentou no último lustro nun 27,4% o investimento en I+D e nun 15% o persoal que traballa neste eido
 

Santiago de Compostela 11 de xaneiro de 2022.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación para avaliar os avances na posta en marcha da carreira investigadora.

Neste sentido, o titular autonómico trasladou a Investigal o traballo que se está realizando no marco da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta para aplicar un modelo de estabilización do persoal investigador, así como para consensuar un modelo transversal e igual para todas as persoas investigadoras. Os principias asuntos que se están avaliando son a incorporación a través de contratos fixos, a consolidación, así como a estabilización do persoal actual.

Feijóo informou, ademais, de que a Xunta vén de aprobar por anticipo de gasto os programas de apoio á formación de investigadores do Sistema Universitario de Galicia por un total de 21,2 millóns de euros, con axudas de 11,4 M€ para formación predoutoral e 9,8 M€ para formación posdoutoral.

Finalmente, o presidente galego ratificou o compromiso da Xunta coa actividade investigadora. Así, segundo os datos do ano 2020, a Comunidade incrementou nun 2,9% -o triplo que a media estatal- o número de investigadores, ata acadar os 6.920; mentres que as mulleres empregadas en I+D representan o 41%, superando a media nacional. Ademais, no último lustro, Galicia aumentou nun 27,4% o investimento en I+D -case dez puntos máis que a media do Estado- e rexistrou un incremento do 15% do persoal que traballa neste eido.

 

Xunta de Galicia

Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadania | Accesibilidade | Aviso legal | Mapa do portal

Turgalicia