ARTIGO 9
- Os poderes da Comunidade Autónoma exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente.
ARTIGO 15
- O presidente dirixe e coordina a acción da Xunta e ocupa a representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia.
- O presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros e será nomeado por El-Rei.
- O presidente do Parlamento, logo de consultas coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, proporá un candidato a presidente da Xunta. O Candidato presentaralle o seu programa ao Parlamento. Para ser elixido, o candidato deberá obter na primeira votación maioría absoluta; en caso de non a obter, procederase, transcorridas vinte e catro horas da anterior, a unha nova votación e, obtendo maioría simple, considerarase outorgada a confianza. De non conseguirse esta maioría, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista anteriormente.
- O presidente da Xunta será politicamente responsable perante o Parlamento. Unha lei de Galicia determinará o alcance de tal responsabilidade, así como o estatuto persoal e atribucións do presidente.
ARTIGO 16
- A Xunta é o órgano colexiado de Goberno de Galicia.
- A Xunta de Galicia está composta polo presidente, vicepresidente ou vicepresidentes, se é o caso, e mais os conselleiros.
- Os vicepresidentes e conselleiros serán nomeados e cesados polo presidente.
- Unha lei de Galicia regulará a organización da Xunta e as atribucións e o estatuto persoal dos seus compoñentes.
ARTIGO 17
- A Xunta de Galicia responde politicamente perante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuízo da responsabilidade directa de cada un dos seus compoñentes pola súa xestión.
- A Xunta cesa tras a realización de eleccións ao Parlamento Galego, nos casos de perda de confianza parlamentaria, dimisión e falecemento do seu presidente.
- A Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta.
ARTIGO 18
O presidente e demais membros da Xunta, durante o seu mandato e polos actos delituosos cometidos no territorio de Galicia, non poderán ser detidos nin retidos a non ser en situación de flagrante delito, correspóndelle decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuízo ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Fóra deste territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos termos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
ARTIGO 19
A Xunta de Galicia poderá interpor recursos de inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos na Constitución e na Lei orgánica do Tribunal Constitucional.